Clown e malabares este sábado na praia do Río con Isla Letriska
As invitacións poden retirarse na Oficina Municipal de Turismo.
A compañía Isla Letriska ofrecerá este sábado o seu espectáculo de clown e malabares «Letriska inmobile» nas inmediacións da caseta de socorrismo da praia do Río en Meirás. Será a partir das 19 horas, nunha función incluída na Rede Cultural da Deputación provincial da Coruña. Como é habitual, as entradas poden retirarse na Oficina Municipal de Turismo de Valdoviño hoxe martes e mañá mércores de 11 a 17 horas e, o xoves, de 11 a 14 horas.
Isla Letriska combina no seu espectáculo disciplinas de Novo Circo e clown con excentricidades e xogos co público. Un personaxe eléctrico e moi tolo sorprenderá a todos realizando proezas como incribles malabares, darlles novos usos a obxetos cotiáns, pelexar co público, cantar ou converter a un neno nun grande artista de circo. Habilidade, perspicacia, velocidade mental e sobretodo tontería, moita tontería. Pequenos e grandes sacarán ó tolo que levan dentro.
Dende o departamento municipal de Cultura lémbrase o uso obrigatorio da mascarilla para asistir á función.