En aplicación do disposto na Lei 7/85, do 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime Local, a organización do Concello configúrase do seguinte xeito:
Alcaldía
O máximo representante municipal é o alcalde, Alberto González Fernández.
Entre outras atribucións a Alcaldía é a responsable de dirixir o goberno e a administración municipal; representar ao Concello; convocar e presidir as sesións do Pleno, da Xunta de Goberno Local e calquera outro órgano municipal, decidindo os posibles empates na votación co seu voto de calidade; dirixir, inspeccionar e impulsar os servizos e obras municipais; desenvolver a xestión económica de acordo co orzamento aprobado; aprobar a oferta de emprego público e as bases das probas para a selección de persoal; desempeñar a xefatura superior de todo o persoal; exercer a xefatura da Policía Municipal; o exercicio das accións xudiciais e administrativas e a defensa do Concello noutro órgano e as contratacións e concesións de toda clase cando o seu importe non supere o 10% dos recursos ordinarios do orzamento nin, en calquera caso, os seis millóns de euros.
Tenencias de Alcaldía
Aos tenentes de alcalde correspóndelles, pola orde do seu nomeamento, substituír accidentalmente ao rexedor na totalidade das súas funcións, en caso de ausencia, enfermidade ou impedimento. Os elexidos durante a lexislatura actual son:
- Primeira tenente de alcalde: Rosa Ana García López.
- Segundo tenente de alcalde: Sergio Saavedra Gutiérrez.
- Terceiro tenente de alcalde: Benito Manuel Vega Fernández.
- Cuarta tenente de alcalde: Tamara Sabín Caamaño.
Concellerías:
- Planificación Territorial, Deportes e Xestión Administrativa, dirixida polo concelleiro Sergio Saavedra Gutiérrez.
- Cultura, Educación, Xuventude, Servizos Sociais, Sanidade e Turismo, dirixida polas concelleiras Rosa Ana García López e Tamara Sabín Caamaño.
- Obras e Equipamentos, dirixida polo concelleiro Alejandro Antonio García Sousa.
- Servizos, dirixida polo concelleiro Benito Manuel Vega Fernández.
- Infraestruturas Viarias, dirixida polo concelleiro Germán Gómez Senra.
Xunta de Goberno Local
Está composta polo alcalde e tenentes de alcalde, así como por un representante de Secretaría e outro de Intervención.
A Xunta de Goberno reúnese cunha periodicidade semanal, os xoves ás 09:30 horas, e ten como funcións asistir permanente ao alcalde e exercer as atribucións que o alcalde ou o Pleno lles deleguen ou as que as normas legais lles confiran.
Pleno
O Pleno do Concello está presidido polo alcalde e composto polos trece concelleiros da Corporación, máis un representante da Secretaría e un da Intervención desenvolvendo as funcións de notarios municipais.
As sesións desenvólvense no Salón de Plenos da Casa do Concello, sendo ordinaria con periodicidade mensual, o primeiro xoves de cada mes ás 20:00 horas. No caso de que coincida en festivo trasladarase ao día laborable anterior. Para temas de maior prontitude o alcalde ten a facultade de convocar sesións extraordinarias ou extraordinarias de carácter urxente. Nos meses de xullo e agosto decidirase a data en función das necesidades dos servizos.
As súas competencias son, entre outras o control e a fiscalización dos órganos de goberno; os acordos relativos á participación en organizacións supramunicipais; a aprobación inicial do planeamento xeral; a aprobación do regulamento orgánico e das ordenanzas; a aprobación e modificación dos orzamentos; a aprobación das formas de xestión dos servizos e dos expedientes de municipalización; a aceptación da delegación de competencias feita por outras administracións públicas; a aprobación do cadro de persal e da relación de postos de traballo e a súa retribución; o exercicio de accións xudiciais e administrativas e a defensa da corporación en materia de competencia plenaria; a aprobación dos proxectos de obras e servizos cando sexa competente para a súa contratación ou concesión, e cando aínda non estean previstos nos orzamentos; aquelas outras atribucións que deban corresponder ao Pleno por esixir a súa aprobación unha maioría especial e a votación sobre a moción de censura ao alcalde e sobre a cuestión de confianza formulada polo mesmo.
Comisións informativas
As Comisións informativas son órganos colexiados complementarios dos órganos de goberno, sen atribucións resolutorias, que teñen por función o estado, consulta e informe preceptivo e non vinculante, con carácter exclusivo dos asuntos que teñan que ser sometidos á decisión do Pleno.
A periodicidade das Comisións informativas ordinarias será mensual, o xoves anterior á celebración do Pleno ordinario, sempre que fóra necesaria a súa celebración.
A presidencia das Comisións corresponderá ao alcalde ou, no caso da súa ausencia, ao delegado da área. Cada Comisión informativa estará integrada por sete membros: tres representantes do PSdeG-PSOE máis o alcalde, dous representantes do PP e un representante do BNG.
O Concello de Valdoviño ten actualmente as seguintes Comisións informativas:
- Planificación Territorial e Xestión Administrativa. Terá como cometido a planificación urbanística, en todos os seus niveis, coordinación da redacción do planeamento xeral o réxime do solo, ordenanza de uso e todo o relacionado coa actividadade urbanística municipal; protección, conservación e xestión dos recursos medioambientais, tanto naturais como culturais do termo municipal; todo tipo de actuacións de desenvolvemento económico, encamiñadas aos sectores produtivos, industriais e de comercio, terá coma cometido o informe de asuntos relativos a contribucións e impostos, taxas e arbitrios, a ingresos municipais; operacións de crédito e, en xeral, todo o relacionado coa facenda municipal, sen prexuízo das atribucións específicas da Comisión especial de Contas; así como o fomento de actividades e promoción de instrumentos de desenvolvemento local; fomento das actividades deportivas municipais, así coma outras materias que non sexan competencia doutra comisión e estean relacionadas coas anteriores.
- Educación, Cultura, Xuventude, Servizos Sociais, Sanidade e Turismo. Terá como cometido a relación cos centros educativos, coas asociacións, o relacionado coas exposicións, museos, arquivos, biblioteca e toda clase de actividades culturais, promoción da Xuventude, desenvolvemento e control dos programas sanitarios públicos dentro das competencias municipais, control sobre a calidade dos elementos medioambientais e de consumo, control sobre o cumprimento da normativa en instalacións nocivas, perigosas ou molestas, planificación e seguimento da atención social a persoas con especiais dificultades económicas e doutra natureza do benestar social, promoción, fomento e oferta de todo tipo de actividades turísticas, así coma outras materias que non sexan competencia doutra comisión e estean relacionadas coas anteriores.
- Obras e Servizos. Terá como cometido o desenvolvemento de programas e planes de obras públicas do municipio, o mantemento e conservación de infraestruturas, así como outras materias que non sexan competencia doutra comisión e estean relacionadas coas anteriores.
Comisión especial de contas
É a comisión de existencia preceptiva segundo o artigo 116 da Lei 7/1985 de 2 de abril acordando o seu carácter permanente que terá como cometido o informe das contas da Corporación, especialmente as anuais dos Orzamentos; supervisión de todas as contas municipais; informe das reclamacións, reparos e observacións que se formularan ás contas durante a súa exposición ao público e emisión de ditames sobre calquera asunto de orde económico, cando o solicitara a Alcaldía, o Pleno ou a Xunta de Goberno.
Representación do Concello en órganos colexiados
- Representante ante os consellos escolares: Rosa Ana García López
- Representante ante a Mancomunidade de Municipios de Ferrolterra: Alberto González Fernández
- Representante na Asociación Costa Noroeste: Alberto González Fernández
- Representante no Grupo de Acción Costeira (GAC 1-A Mariña-Ortegal): Alberto González Fernández
- Representante na Asociación para a Xestión do Xeoparque Cabo Ortegal: Alberto González Fernández
- Representante no GDR Seitura: Alberto González Fernández