O Club Náutico Folixa convida a nenos e maiores a iniciarse en Vilarrube no BIG SUP
No marco do programa municipal de promoción do deporte vencellado á autorización de uso das praias por parte das escolas de surf, organiza unha sesión de iniciación gratuíta o vindeiro sábado 4 de maio
Valdoviño, 25 de abril de 2024. As escolas de surf continúan organizando novas actividades no marco do programa municipal de promoción do deporte en Valdoviño vencellado á autorización de uso das praias por parte do Concello. Así, o Club Náutico Folixa convidará a nenos/as e maiores a iniciarse en Vilarrube no BIG SUP. Trátase dunha práctica deportiva que precisa dunha táboa de paddle surf de grandes dimensións, con capacidade para 7-8 persoas adultas e ata 12 menores, que coa axuda de remos, permite desprazarse pola auga, simulando a sensación de camiñar sobre ela.
A sesión terá lugar o sábado 4 de maio, de 11 a 13 horas, con punto de quedada no aparcadoiro da praia de Vilarrube. O único requisito para participar é saber nadar, e aínda que os materiais serán proporcionados pola escola, é preciso ir equipado con bañador, toalla, camiseta, chanclas e protección solar. Iso si, as prazas son limitadas, e a inscrición pode realizarse a través dun formulario online: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSe2e_NtHKS1YoLSSCq3BQxkrjht-Y4GIqDI9o4l7FFjLfE3aA/viewform