O Concello realiza novas visitas de supervisión do programa de compostaxe caseira

Máis de 240 veciños e veciñas sumáronse á iniciativa municipal

Valdoviño, 24 de abril de 2024. O Concello de Valdoviño levaba a cabo estes días novas visitas de supervisión do programa de compostaxe caseira. Realízanse porta a porta, e na maioría dos casos, corresponden a veciños e veciñas que recibiron o seu composteiro pero que ata o de agora non fora posible concertar esta reunión de seguemento por diversas circunstancias. Ademais, tamén nestas semanas, procedeuse a realizar algunha nova instalación, co que os fogares que participan do proxecto municipal superan xa os 240.

A través do mesmo, facilítase a transformación dos restos orgánicos que se producen nas vivendas en compost que máis tarde se pode aproveitar como fertilizante para xardíns, hortas e campos de cultivo. Unha práctica que aposta pola reciclaxe, respectuosa co medio, e que tamén permite reducir substancialmente a cantidade de residuos que van parar ao colector verde.

O programa tamén contempla un seguemento porta a porta do proceso, de modo que os veciños e veciñas participantes poidan contar cun asesoramento persoalizado e tamén resolver posibles dúbidas.

A posta en marcha do proxecto foi posible grazas aos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado cos fondos europeos Next Generation.