O Concello de Valdoviño programa dúas sesións do taller “Ioga & Surf” a cargo de Cristina Irisarri no Océano Surf Museo
O Océano Surf Museo acollerá o taller Ioga & Surf, impartido por Cristina Irisarri (UMI Surf Yoga). Será o xoves 20 de agosto ás 20 horas e o sábado 22 de agosto ás 11 horas e, nel, amosaranse todos os beneficios que esta actividade pode aportar ao surf. Celebrarase nas instalacións do museo con participación gratuíta, pero inscrición previa e o prazo está xa aberto no correo oceanosurfmuseo@gmail.com. As prazas son limitadas.
Cristina Irisarri presentará un taller no que aprender diferentes técnicas de mobilidade, respiración e meditación para aplicar ao surfing. Para iso, a actividade estruturarase nunha sesión de ioga e unha charla na que se abordará a estreita relación entre o surf e o ioga ao longo da historia, así como a aplicación práctica de todo o aprendido. Ademais, para rematar a xornada, todas as persoas que asistan poderán desfrutar dun brunch saudable e da posterior visita ao Museo.