O contacontos “Kalopsia” de Europe Direct A Coruña chega este venres a Valdoviño
A actividade, dispoñible para municipios membros da rede “Europa no teu Concello”, busca achegar a Unión Europa ao público infantil
Valdoviño, 22 de abril de 2024. A Casa da Cultura acollerá este venres ás 18:00 horas o obradoiro de contacontos «Coñece Europa con Kalopsia», que percorrerá 15 municipios da provincia da Coruña para achegar a Unión Europea ao público infantil. Esta actividade forma parte da programación que Europe Direct A Coruña ofrece aos concellos adheridos á rede «Europa no teu Concello», e está dirixida a nenos e nenas de 6 a 12 anos. Con prazas limitadas e participación gratuíta, o departamento de Cultura abre inscricións. Pode realizarse presencialmente na casa da cultura ou nos teléfonos 981 48 76 66 e 645 305 229 nas seguintes datas: hoxe e o mércores 24, de 16 a 19 horas, e martes, xoves e venres de 10 a 14 horas. Ademais, a actividade contará con intérprete de lingua de signos, e os pequenos e pequenas recibirán un exemplar do conto «Kalopsia: un planeta no tan diferente. Descubre Europa desde el espacio exterior», editado pola Representación da Comisión Europea en España.
«Coñece Europa con Kalopsia» explica ao público infantil dunha maneira sinxela e entretida o funcionamento e valores da UE. A sesión comezará cun achegamento a algúns contos e libros infantís europeos para coñecer un pouco da tradición literaria da Unión Europea e as diferentes culturas que a compoñen. A continuación, o público poderá escoitar a narración do mencionado libro «Kalopsia. Un planeta non tan diferente: descubre Europa desde o espacio exterior, editado pola Representación da Comisión Europea en España».
Para rematar, os cativos e cativas converteranse en protagonistas e poderán xogar a formar os seus propios países e alianzas.