A escritora María Canosa comparte cos nenos e nenas do PAI a súa obra “Unha fábrica de bicos”

A actividade formou parte da programación municipal do Día do Libro

Valdoviño, 22 de abril de 2024. Convidada polo Concello de Valdoviño, a escritora María Canosa visitou onte pola mañá a Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia para compartir cos máis pequenos e pequenas da casa a súa obra «Unha fábrica de bicos». A actividade formaba parte da programación deseñada polo departamento municipal de Cultura, co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, para conmemorar o Día do Libro.

A autora, Premio Merlín de Literatura en 2017, e moi coñecida polo gran público non só polas súas obras senón tamén pola súa participación en varios programas da Televisión de Galicia como «Cifras e letras», «Verbas van» ou «Coma un allo», compartiu cos nenos e nenas unha sesión de contacontos ao redor de Mindi, a protagonista do seu libro, e a súa animadversión a dar bicos. Unha sesión que os pequenos e pequenas seguiron con gran atención, e na que se amosaron do máis participativos e participativas.