Nova Galega de Danza ofrecerá este venres en Pantín o seu espectáculo Leira

As invitacións poden retirarse na Oficina Municipal de Turismo.

Nova Galega de Danza trae a Pantín o seu último espectáculo. Será este venres, 14 de agosto, no Ariño, a partir das 20,30 horas. Alí, na zona do paseo marítimo, representará unha versión reducida de Leira, coa dirección artística de Jaime Pablo Díaz, quen asina tamén a escenografía; coreografía de Iker Gómez; composición musical de Sergio Moure e voz e música de Rosa Cedrón. Para asistir é preciso retirar invitación e pode facerse hoxe e mañá mércores de 11 a 17 horas e o xoves de 11 a 14 horas na Oficina Municipal de Turismo sita na Porta do Sol. A función inclúese na Rede Cultural da Deputación Provincial da Coruña.

O corpo e a terra estreitan os seus lazos nun espectáculo de danza e música que nos transporta á dura beleza dos labores do campo. A muller no centro desta conexión telúrica; día e noite, xornada tras xornada repetida nunha sucesión inesgotable de estacións. O sol e a choiva, o vento xeado, crúas paisaxes de intemperie habitadas unicamente por unha coreografía humana de apeiros de labranza, de corpos que cargan e arrastran, que danzan entre os surcos arados na terra.

Pero Leira é tamén a sinxela alegría do traballo feito coas mans, coa valentía do corpo a corpo. A celebración dunha Galicia intemporal e máxica.