Valdoviño tramitará un convenio que facilite o desenvolvemento urbanístico de 79.000 m2 en Atios ligado á aprobación do Plan Xeral

Permitirá mellorar a circulación e obter chan para vivendas de promoción pública e privada de baixo e 1 planta, equipamentos e zonas verdes  
Valdoviño, 12 de maio do 2023. Vinculado á aprobación definitiva do Plan de Urbanismo, o Concello de Valdoviño aprobou en pleno a tramitación dun convenio que facilitará o desenvolvemento urbanístico de 79.000 metros cadrados de terreo na zona de Atios. O acordo, tomado a instancias dunha serie de propietarios que suman máis do 50% dos terreos delimitados na bolsa de solo urbanizable, permitirá na práctica rematar a trama urbana do núcleo de Atios nesta zona, mellorar as circulacións e obter chan para vivendas de promoción pública, equipamentos e zonas verdes, ademais de definir a edificabilidade de vivendas unifamiliares privadas de baixo e unha planta.
O convenio saía adiante cos votos a favor de PSOE, PP e Centristas, e o voto en contra do BNG, e a partir de agora, negociarase a ordenación do espazo de forma consensuada entre os grupos políticos, equipo redactor e oficina técnica.
Este convenio, de acordo coa Lei do Solo de Galicia, pretende incorporar a ordenación detallada da zona de actuación e simplificar a súa tramitación dentro do Plan de Urbanismo no seu desenvolvemento.