Concello e Asociación inician o expediente para a declaración da Baixada de Carrilanas como Festa de Interese Turístico de Galicia
A cita, un referente non só a nivel autonómico senón estatal, cumprirá neste 2023 o cuarto de século de vida
Valdoviño, 12 de maio do 2023. O Concello de Valdoviño e a Asociación organizadora da Baixada de Carrilanas a San Mamede traballan conxuntamente na declaración da cita como Festa de Interese Turístico de Galicia por parte da Xunta. Con ese obxectivo, que ampliaría significamente a promoción e divulgación da festa e facilitaría o seu acceso a novas liñas de axudas, administración e entidade iniciaron o expediente, que implica un arduo traballo de recopilación de información e documentación gráfica. Un documento que deberá pasar o filtro do pleno municipal antes da súa remisión á Xunta de Galicia, administración competente para determinar a declaración.
Sen présa pero sen pausa, o Concello leva dous meses traballando na recollida de información, que se complementará agora coa da Asociación, e a intención é concluír a tramitación o próximo mes, para así chegar a agosto cos deberes feitos e a declaración aprobada. De cumprirse o calendario marcado, a Baixada celebraría así o seu 25 aniversario co recoñecemento autonómico. Unha distinción sobre o papel a unha cita festiva única en Galicia e referente en toda España que cada ano congrega a milleiros de persoas, e que supón un escaparate privilexiado de promoción turística para Valdoviño.
Comentarios