Aberta a inscrición nun programa de obradoiros de emprego e novas tecnoloxías dirixido a mulleres con discapacidade

Celebraranse no centro sociocomunitario do 23 de maio ao 6 de xuño
Valdoviño, 15 de maio do 2023. Valdoviño acollerá unha serie de obradoiros sobre emprego e novas tecnoloxías dirixidos a mulleres con discapacidade. Celebraranse no centro sociocomunitario do 23 de maio ao 6 de xuño, todos os martes e xoves en horario de 16:00 a 19:00 horas. Estas accións formativas inclúense na 5ª edición do programa EnRédate de ACADAR, a Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia. Un programa no que colabora o Concello, e financia a Xunta a través da Consellería de Emprego e Igualdade.
As inscricións están abertas, e poden formalizarse a través do departamento municipal de Servizos Sociais -na planta baixa da casa consistorial- ou chamando ao 981 48 70 41 extensión 5. Así mesmo, a asociación pon á disposición da cidadanía o teléfono 607 221 600 para ofrecer máis información.
SOBRE ACADAR
ACADAR foi constituída no 2009 por un grupo de mulleres con inquietudes e desexos comúns de alcanzar a igualdade efectiva de oportunidades das mulleres con discapacidade de Galicia. A misión da entidade é a de promover, coordinar e reivindicar a defensa dos dereitos das mulleres con discapacidade en tódolos ámbitos da vida, facendo visible a interacción dos diversos factores que condicionan a súa autonomía e as sitúan nunha posición con maiores niveis de discriminación.