Comezan as obras de aglomerado da Avenida de Ferrol cun investimento de 113.000 euros
Os traballos arrincan coa adecuación dos accesos ás vivendas á nova cota que adquirirá o vial unha vez se proceda ao seu aglomerado
Valdoviño, 26 de abril de 2024. As obras de acondicionamento da Avenida de Ferrol arrincaban onte coa adecuación dos accesos ás vivendas á nova cota que adquirirá o vial unha vez se proceda ao seu aglomerado. Na intervención, o Concello de Valdoviño investirá algo máis de 113.000 euros procedentes dos plans provinciais da Deputación da Coruña. A Administración local busca así poñer remedio ao avanzado estado de deterioro do vial, e os traballos contemplan a limpeza de marxes, rebacheo dos puntos máis deteriorados, aglomerado do vial, renovación das bandas limitadoras de velocidade xa existentes e sinalización.
A actuación iníciase deste xeito tras un longo proceso administrativo no que a empresa José No Mantiñán resultaba adxudicataria dos traballos, que se levarán a cabo no tramo comprendido entre a intersección coa estrada de baixada á praia da Frouxeira e o cruce coa rúa Robaleira, nas inmediacións da praia pequena.