Nacen os pitiños dos ovos incubados no PAI
Puntuais como un reloxo suízo, racharon o cascarón aos 21 días
Valdoviño, 26 de abril de 2024. Durante 21 días, os nenos e nenas do PAI-Aula da Natureza de Valdoviño ocupáronse con moito esmero de manter as condicións adecuadas da incubadora da que hoxe saían os pitiños da raza Galiña de Mos. Axudados e axudadas polas educadoras Montse, Rosi e María, aseguraron día tras día temperatura, humidade e volteo, e agardaron con moita ilusión o día de hoxe. A primeira hora, Diego Rois, veterinario de Avimós e un dos grandes valedores en Galicia do proxecto de visibilización, conservación e protección da raza Galiña de Mos, visitaba as instalacións de Valdoviño para, tras unha charla formativa, abrir a tapa da incubadora e comprobar, xuntos aos pequenos e pequenas, como saían do cascarón os pitiños.
As facianas de felicidade foron unha constante, e un a un foron collendo cadanseu pitiño. Tras un primeiro contacto, os pitiños puideron descansar nas caixas preparadas ao efecto, cos radiadores ben pretiño para darlles calor. Agora, e como en anos pasados, os pitiños medrarán nos fogares dos pequenos e pequenas do PAI.
O proxecto de Avimós iniciábase en Valdoviño en 2018, ao ano seguinte de abrir o PAI, e nin a pandemia foi quen de paralizalo. Grazas ao empeño de Diego e das educadoras, leváronno aos fogares de nenos e nenas con vídeos explicativos sobre o proceso. Ademais, os sucesivos pitiños que foron saíndo da incubadora instalada no PAI foron «adoptados» polas familias, ampliando o censo dos galiñeiros ou ben provocando a creación deles.
A pesar dos esforzos da asociación, Diego Rois subliña que a raza Galiña de Mos continúa aínda en perigo de extinción, con 7.000 exemplares rexistrados en Galicia -a UE establece que deberá constatarse un censo de 25.000 para saír da zona de risco-. E neste contexto, o proxecto continuará combatendo esta situación a través do seu principal valor: a educación medio ambiental. Achegar ás aulas a realidade, con dinámicas e prácticas que trasladan os conceptos teóricos de manuais e libros, facilitando un contacto real coa natureza.