Valdoviño será sede en setembro dun curso de adestrador nacional de surf nivel 1

O prazo de inscrición nesta iniciativa, promovida pola Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, remata o 2 de setembro

O Océano Surf Museo converterase durante o mes de setembro en sede dun curso para formar monitores/as de surf, que promove a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, coa colaboración da Deputación, para favorecer o desenvolvendo de servizos turísticos relacionados con este deporte no xeodestino Ferrolterra- Rias Altas. O prazo para inscribirse remata o vindeiro 2 de setembro.

Os veciños e veciñas de Valdoviño poderán participar de balde nesta iniciativa, desenvolvida por medio da Federación Galega de Surf, que persegue formar a unha ducia de surfistas, empadroados en calquera dos 21 municipios do destino turístico, para que poidan obter a titulación oficial de “Adestrador nacional en surfing nivel I”. A iniciativa busca contribuír deste xeito á xeración de emprego na zona, consolidando a marca turística Costa das Ondas.

Entre os requirimentos para participar no curso, figuran ademais ser maior de 16 anos, ter superado, como mínimo os estudos da ESO, e estar federado na Federación Galega de Surf ou na Federación Española de Surfing, A admisión definitiva de participantes nesta acción formativa estará condicionada á superación da proba de acceso (natación e surf) que terá lugar na praia de Pantín.

As persoas interesadas en participar teñen que presentar ata o 2 de setembro a instancia de solicitude nos rexistros xeral ou auxiliar da Mancomunidade (Casa Consistorial de Ferrol e oficinas administrativas do Mercado da Magdalena) ou a través doutros rexistros como o municipal ou nas oficina de Correos.

O curso terá unha parte teórica, que se desenvolverá de forma telemática durante os meses de outubro e novembro, e outra específica que se impartirá no Océano Surf Museo, durante as fins de semana de setembro. Ademais contará con 150 horas de prácticas nunha escola deportiva recoñecida ou adherida federacións autonómica ou nacional.

Convocatoria e bases de participación

Instancia de solicitude de participación