Proxección de “A poeta analfabeta”, o documental sobre a activista Luz Fandiño este venres na Casa da Cultura

A actividade inclúese na programación “Somos e Contamos” que promove o Concello para conmemorar o Día Mundial para a Eliminación da Violencia contra a Muller

Valdoviño, 18 de novembro de 2021. O Concello de Valdoviño convida á veciñanza a asistir este venres ás 20,30 horas á proxección do documental «A poeta analfabeta» na Casa da Cultura, un filme de Sonia Méndez sobre unha muller fascinante: Luz Fandiño. Poeta, activista, feminista, nacionalista e revolucionaria. Aos seus 88 anos Luz é testemuña viva das realidades máis duras do século XX, por ser muller, por ser emigrante, por ser pobre, por ser roxa. Luz é unha muller brava, unha persoa fondamente política e un ser cunha humanidade excepcional. Como entende o mundo esta poeta que a pesar do tremor das mans escribe todos os días? Que a move a tal esforzo? Que a mantén viva? Para descubrilo, haberá que asistir este venres á Casa da Cultura. 

A actividade inclúese na programación «Somos e Contamos» que promove o Concello de Valdoviño para conmemorar o Día Mundial para a Eliminación da Violencia contra a Muller. Programación conta co apoio do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.