O Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal, designado como candidato a Global Geopark da UNESCO

O apoio do Comité Español de Cooperación coa UNESCO deuse a coñecer esta mañá

Valdoviño, 17 de novembro de 2021. Tras seis anos de intenso traballo e á segunda tentativa, o Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal acaba de recibir a comunicación do Comité Español de Cooperación coa UNESCO conforme será un dos dous candidatos estatais para obter o distintivo Global Geopark. A noticia fíxose pública a primeira hora desta mañá e capitalizou o encontro de traballo no que participaron, nun ambiente de clara satisfacción, representantes das administracións implicadas na iniciativa -os sete concellos, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia- coa finalidade de avaliar os avances máis recentes do proxecto. Porén, a xuntanza tamén serviu para tomar conciencia do intenso traballo que cumprirá facer a partir de agora co obxectivo de superar con nota o exame de campo ao que será sometida a candidatura por parte do Programa Internacional de Ciencias da Terra e Xeoparques a partir de maio do ano que vén.

A designación do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal como unha das dúas candidaturas españolas -a outra é a de Costa Quebrada, en Cantabria- farase oficial á volta duns días, no momento en que o Comité Nacional de Cooperación coa UNESCO remita a súa carta de apoio ao Programa Internacional de Ciencias da Terra e Xeoparques, xunto co expediente completo do proxecto.

Na decisión pesaron os novos criterios de selección aplicados na presente anualidade, que cargan as tintas sobre a excepcionalidade xeolóxica do Cabo Ortegal, onde existen ata 6 Geosites -lugares de interese xeolóxico internacional- representativos do contexto da Oroxenia Varisca Ibérica e únicos no mundo para descubrir en superficie un dos capítulos máis apaixoantes da historia do planeta. Neste sentido, o proxecto local obtivo a cualificación máxima: 13 puntos.

A partir dese momento iniciarase un procedemento que resultará na visita dos avaliadores internacionais -previsiblemente a partir de maio- que analizarán sobre o terreo o cumprimento dos obxectivos que perseguen os xeoparques en canto á posta en valor do patrimonio xeolóxico, a difusión científica e educativa da súa relevancia, a promoción dun turismo sostible e, quizais o de maior importancia, a aplicación dunha estratexia de desenvolvemento socioeconómico apoiada en todos os aspectos anteriores.

O alcalde de Valdoviño e presidente de quenda da asociación promotora, Alberto González, cualificou a noticia feita pública hoxe como “un fito importante para o territorio”  e resumiu que na xuntanza deste mediodía se expresara o compromiso de “seguir avanzando no traballo conxunto” en dous sentidos: dunha banda “estreitando relacións entre Administracións” e, doutra, poñendo en marcha de inmediato as tres mesas de traballo  -o comité científico, a mesa interinstitucional e a de participación social-, para que o proxecto  estea funcionando como xeoparque xa antes da avaliación -algo que esixe a propia UNESCO- e para conseguir que o territorio “valore, coñeza e comprenda cal é o valor dun xeoparque”.

González insistiu en que a figura Global Geopark á que aspiran os sete municipios “ten unha relevancia ao mesmo nivel que un Patrimonio da Humanidade” que, no caso de que se obteña o distintivo, requirirá “seguir facendo territorio desde todos os puntos de vista, ocio, turismo, vida…” tendo en conta que cada catro anos hai que pasar unha reválida da UNESCO e que é máis difícil conservar o distintivo que conseguilo a primeira vez.

Por esta razón, segundo se informou ao remate da xuntanza, nos próximos meses os esforzos da Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal centraranse na execución dos investimentos e accións programadas e, especialmente, no traballo para conseguir a identificación social co proxecto.

O vicepresidente da Deputación da Coruña e responsable da área de Turismo, Xosé Regueira, reiterou o compromiso provincial cun proxecto que, segundo dixo, nos sitúa “ás portas de entrar na elite mundial dos sitios xeolóxicos, que é moi importante non só desde o punto de vista científico, senón tamén á hora de manter unha estratexia de sustentabilidade, de despegue económico, de afianzamento da poboación no rural e de oportunidades de emprego para as persoas que viven aquí”.

Regueira recordou durante o encontro que, alén dos 240.000 euros de achega provincial para o proxecto -recollidos recentemente nun convenio coa asociación xestora-  a zona tamén recibirá fondos Next Generation para o desenvolvemento dun Plan de Sostenibilidade Turística en Destino, que axude a estruturar e modernizar os recursos e os servizos para atraer un turismo de calidade na procura de destinos de natureza.

Pola súa banda, a directora xeral de Patrimonio Natural da Xunta, Belén do Campo, destacou a calidade “dun proxecto gañador e que ten futuro” para o que reiterou publicamente o apoio autonómico. A directora xeral precisou -como representante galega no Comité de Cooperación coa UNESCO- que das catro propostas aspirantes, a do Cabo Ortegal “é a que ten máis puntos, que a poñen en cabeza con respecto a outras candidaturas”, debido en boa medida á súa exclusividade xeolóxica.

Do Campo destacou o feito de que Galicia poida contar dentro de pouco con dous xeoparques, un costeiro e outro no interior (Montañas do Courel) “que se complementan perfectamente”, ao tempo que recordou a importancia de que a cidadanía sexa coñecedora e partícipe do proxecto e que todos os actores implicados na candidatura vaian da man. “Agora mesmo estamos de celebración, pero hoxe tamén é o día de poñernos deberes de cara ás visitas dos avaliadores, telo todo preparado, sen ningunha debilidade, para que a candidatura teña o que se mereza e poidamos dicir que temos un segundo xeoparque mundial en Galicia”, recalcou Belén do Campo.

Agárdase que os avaliadores da UNESCO veñan polo territorio a principios ou mediados do verán. A inspección é tan esixente e exhaustiva que mesmo chega a facer entrevistas aleatorias para anotar ata que punto a veciñanza da zona está ao tanto do proxecto e de cales son os seus obxectivos, ademais de analizar o grao de cumprimento do programa internacional.

De cumprirse os prazos previstos, o resultado da avaliación de campo debaterase no Consello de Xeoparques Mundiais no mes de setembro. Unha vez superado este penúltimo filtro, a proposta deberá ser ratificada pola Dirección Xeral da UNESCO e elevada a definitiva polo Consello Executivo deste organismo dependente da ONU.

Ao remate da xuntanza mantida esta mañá en Valdoviño, todos os participantes mostraron a súa satisfacción por ter alcanzado a designación como candidatura estatal e reiteraron o agradecemento “a todas as persoas” -particulares, colectivos, persoal técnico e político- que fixeron posible situar o proxecto na carreira final por ser Xeoparque Mundial da UNESCO.