A exposición pública a modificación do planeamento de Valdoviño para a incorporación de 38 novos núcleos rurais

O expediente pasa a unha nova fase na tramitación

Valdoviño, 28 de decembro de 2021. Coa publicación no Diario Oficial de Galicia, o acordo plenario sobre a modificación do planeamento para a incorporación de 38 novos núcleos rurais entra agora na fase de información pública, por espazo de 2 meses. O acordo e documentación pode consultarse tanto na web municipal como na casa consistorial. Con esa modificación, Valdoviño pasará de 53 núcleos rurais delimitados a 91, duplicando practicamente a superficie edificable.

Complementariamente á publicación en boletín oficial, o Concello tamén notificará por correo a todas as persoas que figuren como propietarios/as catastrais dos terreos. E, en paralelo, a Administración local está a requerir informes sectoriais pertinentes. 

O expediente de delimitación de núcleos rurais remóntase ao ano 2018, cando a proposta do Concello, a Xunta de Galicia incorpora no Plan Básico Autonómico unha serie de asentamentos de poboación susceptibles de delimitarse como núcleos rurais, ampliando así a capacidade para edificar nestes espazos. A partir de aí, as xestións continúan na Deputación provincial da Coruña e o Servizo de Asistencia Técnica aos Municipios procede á súa delimitación. Un traballo codo con codo co arquitecto municipal. 

Eses núcleos incorporaranse ao futuro Plan de Ordenación Municipal, hoxe en fase de redacción. Son os seguintes: Lago: A Bouza da Cabra-Soutullo, Preitela-O Penido, Viansil, O Vilar; Valdoviño: Bacorelle, A Cachaveira, O Chamorro, A Costeira-Gonzalvite, A Mourela, O Pereiro, O Portodoso, A Rocha; Pantín: A Ramalleira, O Xestal; Vilarrube: O Castro-A Escola, As Ferrerías, As Folgueiras, Liñeiro, O Puntal, Quengo; Loira: Candaíl, Crecente, Loiravella, Os Martices, A Rañoa; Vilaboa: Os Bidueiros, O Camiño Grande, O Caneiro, A Carbeira, Pena do Boi, San Pedro, O Seixidal, A Vilaxe, Vilela, e Meirás: A Cubeta, O Amedo Sequeiro: O Seixidal.