Valdoviño pecha este xoves a programación cultural de 2021 co concerto Carta de Ajuste de Tarabela Creativa

Con entrada libre ata completar aforo, celebrarase na Casa da Cultura ás 20,30 h

Valdoviño, 29 de decembro de 2021. Valdoviño despide este xoves ás 20,30 h a programación cultural de 2021 co concerto Carta de Ajuste, a cargo da compañía Tarabela Creativa. A cita, no auditorio da Casa da Cultura, será con entrada libre ata completar aforo.

Carta de Ajuste nace por accidente no ano 2010 como un proxecto baseado no versionado de grandes éxitos da música pop-rock en español dos anos 80 e 90 en formato acústico. Os seus insensatos compoñentes, influenciados por agrupacións musicais de corte cómico como Les Luthiers, Académica Palanca ou Los Gandules entre outros, pouco a pouco imprimirán no seu espectáculo un carácter máis teatral, humorístico e desenfadado que os levará a adaptar no seu repertorio todo tipo de xéneros musicais, dende a rumba ou a música disco ata o funk, a música tradicional ou a lambada.

Por outra banda Carta de Ajuste presenta unha formación pouco usual tendo en conta o repertorio que defenden. Unha guitarra española, unha caixa peruana e dúas voces confiren ás versións adaptadas un son peculiar e característico que sorprende, abordando dende un punto de vista diferente cancións que levamos escoitando toda a vida. O caixón de xastre musical terminará collendo forma a través da deconstrución, no que a letras e estilo se refire, de éxitos imperecedoiros conformando un fío condutor perfecto para manter a atención e as ganas de divertirse do público, que buscará descifrar cada gag musical como se dun xogo se tratase.