Vitoria do Meirás CF no Triangular Concello de Valdoviño e do EFB Amistade no torneo feminino

O Concello agradece o traballo e apoio dos clubs para dar continuidade a estas competicións estivais

Valdoviño, 27 de agosto do 2023. Intensa xornada futbolística a vivida este sábado en Valdoviño. En xogo, o torneo de fútbol feminino, impulsado polo Concello, e todo un clásico das competicións de verán, o XXXI Triangular de Valdoviño. No primeiro, a vitoria foi para o equipo da Escola de Fútbol Base Amistade, mentres que no segundo impúxose o Meirás Club de Fútbol.

O campo municipal de Mourente acollía pola mañá a competición feminina, que se xogaba a partido único. Nela, o Amistade (Primeira división galega) mostrou o seu claro dominio sobre o adversario, o Orillamar SD, equipo coruñés, que debutaba a pasada tempada na Segunda división.

Xa pola tarde, e no campo de fútbol Misael Prieto, arrancaba o Triangular Concello de Valdoviño, no que o trunfo foi para o equipo anfitrión. No primeiro partido xogado, o Meirás CF impúxose á SD Valdoviño por 1 a 0. O Valdoviño encaixou nesa tarde unha segunda derrota (1-0) fronte ao CD. Rosalía de Vilaboa. E no derradeiro encontro, a vitoria resolveuse na quenda de penaltis, vencendo o Meirás por 2 a 1 ao Vilaboa.

Desta forma, o Meirás CF proclamouse campión; o CD Rosalía de Vilaboa foi subcampión e a SD. Valdoviño foi terceiro.

Dende o Concello, organizador dos torneos, subliñan o traballo e apoio recibido dos clubs locais, sen os que sería imposible dar continuidade a estas competicións, sendo o triangular masculino unas das máis veteranas da comarca. Agradecen tamén o papel de todas aquelas persoas que se achegaron aos campos a animar aos xogadores e xogadoras.