Visita a Valdoviño do responsable de Protección Civil de Los Llanos de Aridane en La Palma

Domingo José Hermández Hernández ofrecerá o martes pola mañá unhas charlas no CPI Atios e, a partir das 20 horas, o Concello organiza unha recepción na Casa da Cultura con entrada libre

Valdoviño, 11 de febreiro de 2022. Valdoviño recibirá o vindeiro martes 15 de febreiro ó responsable da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Los Llanos de Aridane, Domingo José Hernández Hernández. Unha visita comprometida semanas atrás e que responde á gratitude da agrupación coa veciñanza de Valdoviño, tras as iniciativas solidarias levadas a cabo.

Así, Hernández Hernández visitará o CPI Atios pola mañá, de 9,30 a 12,30 horas, para ofrecer unha serie de charlas ó alumnado, volcado coa illa de La Palma. Precisamente, a comunidade escolar sumábase á iniciativa solidaria impulsada pola cafetería do centro, que poñía á venda plátanos de Canarias nos recreos para dirixir a recadación ó Cabildo insular e poñer así o seu gran de area nas tarefas de reconstrución. 

Xa pola tarde, a Casa da Cultura acollerá unha recepción oficial a partir das 20 horas. A entrada é libre, e presidida polo alcalde, Alberto González, contará coa participación do responsable de Protección Civil de Valdoviño, Francisco Dopico, e das integrantes da Asociación de Mulleres do Rural María del Mar Becerra. Un acto no que lle entregarán a Hernández Hernández unha placa conmemorativa. 

A primeiros de decembro, a Asociación de Mulleres María del Mar Becerra organizaba un Festival Solidario a beneficio de Los Llanos de Aridane. Unha cita na que colaborou estreitamente Protección Civil, apoiaron coa súa presenza un bo número de artistas da zona, e que secundou masivamente a veciñanza.

Así mesmo, a propia agrupación local de voluntarios enviaba tamén nesas datas diverso material aos seus compañeiros e compañeiras de Los Llanos de Aridane, como sopladores, mascarillas ou gafas de protección, cascos e guantes.