O Concello axuda aos coidadores de persoas dependentes ou con discapacidade a tramitar as axudas do programa de respiro familiar
Deben solicitar cita previa nos Servizos Sociais no 981 48 70 41
Valdoviño, 10 de febreiro de 2022. O Concello axuda á veciñanza na tramitación das axudas económicas a través do programa de respiro familiar para persoas coidadoras de persoas con dependencia ou discapacidade. A Xunta vén de abrir o prazo de presentación, que manterá ata o 31 de outubro, e debe realizarse preferiblemente vía online, a través da sede electrónica da Xunta. No departamento municipal de Servizos Sociais asesoran e axudan ás persoas solicitantes sobre o procedemento, para o que é preciso contactar previamente no 981 48 70 41.
Existen 2 modalidades de axudas: respiro no fogar -para financiar a atención puntual integral e directa no fogar da persoa dependente ou con discapacidade, cun máximo de 1.000 euros por persoa beneficiaria/ano- e respiro residencia -para colaborar nos gastos de estadías temporais, cun máximo de 1.500 euros por persoa beneficiaria/ano-. Así mesmo, o periodo subvencionable é do 1 de xaneiro ata o 30 de novembro do presente ano. As axudas faranse efectivas unha vez que se presente a documentación xustificativa.
Están dirixidas a persoas coidadoras habituais non profesionais que atendan de forma continuada a unha ou máis persoas dependentes ou con discapacidade, ou en situación de necesidade de terceiros acreditada.