Vilaboa acollerá este venres a proxección da película galega “A illa das mentiras”

As persoas interesadas en desfrutar do filme poden retirar xa as súas invitacións na Casa da Cultura en horario de 10 a 14 h

Nova cita con Cinema de verán en Valdoviño. O Concello programa este venres, 27 de agosto, a partir das 22 horas, na pista próxima á Cooperativa de Vilaboa, o filme “A illa das mentiras”, ópera prima da directora galega Paula Cons.

Trátase dun thriller, protagonizado por Nerea Barros, Darío Grandinetti e Aitor Luna, inspirado nunha historia real: o naufraxio nos anos 20, no medio dunha tempestade, do vapor Santa Isabel fronte as costas da illa de Sálvora. E a película conta a historia das tres mulleres reais que, durante aquel suceso, salvaron a vida de 48 persoas.

A cinta, unha reivindicación desas mulleres, que incide na traxedia daquela noite “na que sucederon demasiadas terribles casualidades na illa”, alzouse con cinco premios na última cerimonia dos Mestre Mateo.

Para asistir á última das proxeccións programadas no marco de Cinema Verán, que chega a Vilaboa da man da Rede Cultura da Deputación da Coruña, cómpre retirar invitación na Casa da Cultura de Valdoviño, dende hoxe luns ata o propio venres ou ata que se esgoten as prazas, en horario de 10 a 14 horas.