Técnicos de Ventonoso visitarán Vilaboa para axudar aos veciños nas alegacións ao parque eólico Badulaque

Atenderán ao público o xoves 26 e o venres 27 de agosto na antiga escola da parroquia

O alcalde de Valdoviño, que avanzaba este xoves que o Concello prepara un informe de alegacións ao parque eólico Badulaque que aspira a presentar aos grupos municipais e ao conxunto da cidadanía ao longo da próxima semana, anuncia que contará con técnicos da Asociación Ventonoso para botar unha man a aqueles veciños afectados, que queiran presentar alegacións ao proxecto. Estarán na Vilaboa o xoves 26 e máis o venres 27 de agosto.

O goberno local concreta que os valdoviñeses que o desexen serán atendidos en Pena do Boi, na antiga escola da parroquia, este xoves de 9.30 a 14 horas e pola tarde, de 16.30 a 20.30 horas. E o venres, de 9.30 a 14 horas, si ben non se descarta que este horario poida ser ampliado.

Engaden dende o Concello que un equipo técnico ultima o documento coas alegacións municipais, unha vez analizada a afectación medioambiental e paisaxística no territorio local do parque eólico presentado por Enel Green Power, así como a súa posible incidencia en núcleos e vivendas.

 

Preme aquí para consultar os planos situación do parque eólico Badulaque