O Concello tramita as axudas autonómicas para facilitar que a mocidade obteña os carnés de conducir clase B ou C

As subvencións buscan facilitar a mobilidade e a inserción laboral das persoas máis novas

A Concellería  de Servizos Sociais de Valdoviño, tramita as axudas convocadas pola Dirección Xeral de  Xuventude para a obtención dos carnés de conducir de tipo B e C. Estas subvencións están orientadas a mellorar a autonomía, mobilidade e posibilidades de inserción laboral dos mozos e mozas de toda Galicia.

A axuda será de 400 euros para a obtención do permiso de condución de clase B e de 650 euros para o de clase C. E estes importes poden acumularse no caso de que unha mesma persoa solicite axuda para  a obtención de ambos permisos.

Entre os requirimentos das persoas solicitantes figuran ter 18 anos cumpridos, sen prexuízo da idade mínima para a obtención do permiso de clase C; estar empadroadas en Galicia cunha antigüidade mínima dun ano; estar inscritas no Sistema Nacional de Garantía  Xuvenil e figurar como beneficiarias no ámbito galego, e estar matriculadas nunha autoescola de Galicia tamén no momento de presentar a solicitude ou ben ter o/s permiso/s para o/s  cales se solicita a axuda con data de expedición entre o 1 de xaneiro de 2021 e o momento de presentar a solicitude.

O prazo está aberto ata o 13 de setembro, e pode obterse máis información no departamento municipal de Servizos Sociais (planta baixa  da casa consistorial ou teléfono 981 48 70 41 extensión 5).