Varias praias rexistran accións vandálicas tras a interrupción do subministro das duchas como medida preventiva ante a seca

O Concello incide na necesidade dun consumo responsable da auga ante un eventual episodio futuro de escaseza

Valdoviño, 14 de agosto do 2023. A pasada fin de semana producíase o arranque efectivo das medidas de aforro de auga, anunciadas polo Concello de Valdoviño ante a situación de seca prolongada. Medidas consistentes fundamentalmente na supresión temporal dos baldeos de rúas e na interrupción do subministro de auga en fontes e nas duchas das praias. Un aspecto este último que está a atopar coa resistencia dalgunhas persoas usuarias. Apuntan dende o Concello que nos últimos días téñense  detectado accións vandálicas en varias das praias do municipio.

Así, segundo detallan dende a Concellería de Servizos, foron manipuladas as chaves de paso das instalacións existentes en Vilarrube, na Frouxeira e en Outeiro (Lago). Ao que hai que sumar os danos rexistrados nas columnas de duchas do areal de Mourillá, coas conseguintes fugas de líquido. De aí que fagan un chamamento á cidadanía para que colabore no coidado destes equipamentos e axude na identificación dos autores dos danos.

Dende o Concello piden ademais respecto para unhas decisións municipais que só tratan de concienciar sobre a necesidade de facer un consumo responsable de auga, e buscan atallar o importante gasto que se produce nos areais locais, especialmente os máis concorridos, ante un posible episodio futuro de escaseza.

Nesta liña, lembran que as restricións preventivas atenden ás recomendacións ditadas pola Xunta, e adiantan que, no caso de que as accións vandálicas continúen, veranse obriga de pechar ademais as casetas de servicios.