A pesca deportiva tomará a praia do Outeiro o 26 de agosto no “I Open de dúos Valdoviño”
Aberto o prazo para inscribirse na competición, organizada polo club Espinazo Fishing Team
Valdoviño, 14 de agosto do 2023. A praia do Outeiro (Lago) converterase o vindeiro 26 de agosto pola noite no escenario do “I Open de dúos Valdoviño”. Trátase dun campionato de pesca, organizado por Espiñazo Fishing Team, co apoio do Concello de Valdoviño, que estará aberto á participación tanto de parellas federadas como de non federadas ou mixtas. Está aberto xa o prazo para inscribirse.
Os e as deportistas interesadas en sumarse á competición deberán anotarse contactando cos promotores, a través do email espinazofishingteam@gmail.com, e facer fronte as cotas de matrícula (entre 60 e 110 euros, ao incluír no caso das persoas non federadas a licencia federativa). A data límite será o 20 de agosto.
Segundo figuran nas bases do “I Open de dúos Valdoviño”, que se disputará na modalidade de pesca ao lanzado, para participar será imprescindible ter cando menos 16 anos cumpridos, e dispor de licenza actualizada de pesca marítima recreativa de superficie. Cada equipo estará integrado por dous deportistas – poderán pescar un ou os dous- e contará cun máximo de catro cañas. Terá que haber un mínimo de 15 parellas inscritas para que a proba se leve a cabo.
A competición constará de dúas mangas. A primeira desenvolverase entre as 21 e as 23 horas, e a segunda terá lugar entre a medianoite e as dúas da madrugada. Faranse co trunfo as parellas que, en cada ronda, consigan as capturas máis grandes de cada un dos catro sectores nos que se dividirá a praia do Outeiro (Lago).
Haberá premios para as tres primeiras parellas clasificadas. A quen quede na posición máis alta do podio corresponderanlle 600 anzois e un trofeo. A segunda, levará 300 anzois e un trofeo. E a terceira, 150 anzois e trofeo. Ademais entregarase un trofeo adicional para quen presente a peza de maior tamaño.
Finalmente, cómpre apuntar que a totalidade das capturas realizadas será doada a una institución benéfica.