Valdoviño rexistra 13 colonias felinas

En menos dun mes, o programa municipal de control das colonias felinas que coordina Iria Saavedra, da Asociación Cometa, conta con 13 veciños e veciñas adheridos e 12 gatos foron esterilizados

Valdoviño, 26 de abril do 2023. En menos dun mes dende a súa posta en marcha, o programa municipal de control das colonias felinas conta xa con 13 veciños e veciñas adheridos e comeza así a debuxar o mapa de colonias felinas rexistradas. Son a día de hoxe tamén 13, e repártense por diferentes puntos da parroquia de Valdoviño (9), de Lago (1), Meirás (1) e Pantín (2). Así mesmo, o concelleiro de Servizos, Benito Vega, informaba da recente adquisición de 15 xaulas trampa para a recollida de felinos e posterior traslado ao refuxio de Mougá para a súa esterilización e atención veterinaria. Unha adquisición na que se investiron preto de 1.000 euros. Ao respecto, Iria Saavedra, da Asociación Cometa e coordinadora do programa no municipio, apuntou que neste primeiro mes se procedeu á esterilización de 12 gatos e gatas, evitando así a súa reprodución incontrolada.

O programa está aberto á participación da veciñanza, e é tan sinxelo como contactar co Concello a través do teléfono 981 48 70 41. Iria encárgase da súa inscrición como xestores colaboradores das colonias, das que dá traslado ao refuxio de animais e vaise así creando o censo de gatos ferales. Un programa que arrancaba recentemente grazas ao traballo colaborativo de Mancomunidade, Concello e Cometa.