A compañía Pedras de Cartón representa este domingo en Valdoviño Lázaro de Tormes

A función, para todos os públicos e entrada libre, está prevista para as 19:00 h no auditorio municipal, no marco da programación municipal

Valdoviño, 26 de abril do 2023. O Concello de Valdoviño pechará a programación cultural do mes de abril coa obra teatral «Lázaro de Tormes», da compañía Pedras de Cartón. A función está programada para este domingo ás 19:00 horas, con entrada libre ata completar aforo. Unha obra pensada para todos os públicos que recibía en 2020 a mención especial do xurado no Festival de Teatro Clásico de Almagro.

A compañía aborda nela o clásico picaresco, pero contado e representado, por primeira vez, con máscaras e sen palabras. Para iso, conta con profesionais cunha ampla traxectoria no teatro infantil e xuvenil, da man de Juan Rodríguez, socio fundador de Caramuxo Teatro. Unha delicia de posta en escea para un clásico de obrigado cumprimento.