Inscricións abertas para coidadores de persoas dependentes no curso “Atención en alzhéimer e outras demencias”
Celebrarase os días 9 e 11 de maio no centro sociocomunitario, con participación gratuíta, no marco do acordo entre Mancomunidade e Afal
Valdoviño, 27 de abril do 2023. O centro sociocomunitario do Concello de Valdoviño acollerá os días 9 e 11 de maio, en horario de 16:30 a 18:30 h, o curso “Atención Especializada en Alzhéimer e Demencias”. Está dirixido a familias e coidadores/as de persoas afectadas de deterioro cognitivo e dependentes en xeral, así como a traballadores e traballadoras do sector, e a participación é gratuíta grazas ao financiamento da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, da que forma parte Valdoviño.
O curso estará impartido por Afal Ferrolterra, e as persoas interesadas poden anotarse no teléfono da asociación: 981 37 06 92 ou a través do correo tecendoredes@alzheimerferrolterra.com ou no departamento municipal de Servizos Sociais (planta baixa da casa consistorial ou teléfono 981 48 70 41).
Na primeira das sesións abordarase a sintomatoloxía e os sinais que poden anticipar un deterioro cognitivo; describirase como adoitan cursar as demencias centrándose principalmente nas distintas fases do alzhéimer e nas alteracións de comportamento, ademais de realizarse un repaso ás terapias non farmacolóxicas que poden retrasar a súa evolución.
Na segunda, tratarase dun xeito moi práctico as mobilizacións e transferencias da persoa dependente, as mellores posturas para previr problemas circulatorios e cutáneos derivados do encamado/a e os materiais existentes para previr esa problemática. Tamén se abordarán as técnicas para mover, cambiar de lugar e sentar á persoa enferma de maneira que non haxa ningún tipo de lesión nin no/a enfermo/a nin no/a coidador/a.