Valdoviño recupera o seu feirón mensual

Concello e Asociación de Mulleres do Rural María del Mar Becerra alíanse para impulsar esta cita, que se celebrará na Porta do Sol, cun máximo de 40 postos e baixo o protocolo covid-19 para feiras e mercados

Valdoviño retoma o seu feirón mensual. Celebrarase o vindeiro sábado 3 de xullo e, a partir de entón, recuperará o seu calendario habitual: o último domingo de cada mes. Volve ao aparcadoiro sito fronte á Casa Joselito, en pleno corazón da Porta do Sol e coa vista posta na súa celebración traballan Concello e Asociación de Mulleres do Rural María del Mar Becerra. No primeiro caso, ultimando as autorizacións pertinentes e, no segundo, impulsando como é tradición esta cita. 

Reunirá a un máximo de 40 postos, de moi diversos sectores: alimentación, horta, calzado, vestido, artesanía… Iso si, a cita desenvolverase baixo o protocolo covid-19 para feiras e mercados. 

Dende o Concello e a asociación anímase á participación dos vendedores e vendedoras e lémbrase que a tasa por participar é de 50 céntimos metro cadrado ocupado nun único pago anual. E, por suposto, invitan á veciñanza e visitantes a acudir ao feirón e facer así as súas compras e desfrutar tamén dos negocios de hostalería locais.