O Concello de Valdoviño convoca a praza de técnico/a de museos

As persoas interesadas en optar ao proceso selectivo poderán presentar a súa solicitude unha vez que a convocatoria se publique no BOE

O Concello de Valdoviño vén de convocar a praza de técnico/a de museos (funcionario/a de carreira). Incluída na Oferta de Emprego Público (OEP) para este 2021, publicaba hoxe o anuncio e as bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP). É o paso previo para a publicación da convocatoria no Boletín Oficial do Estado (BOE), momento que marcará o inicio do prazo de presentación de solicitudes. 

Entre as súas funcións está, entre outras, a dirección do museo municipal -Océano Surf Museo-; a organización e catalogación do seu contido; elaboración e supervisión do plan museolóxico e outros documentos previstos na normativa reguladora dos Museos; realización dos trámites necesarios para a incorporación de pezas; atención ao público; organización e promoción das súas actividades (incluíndo comisariado de exposicións e mostras); relación con organismos públicos, museos e entidades; redacción de publicacións relacionadas co ámbito do museo; colaboración na xestión e execución das actividades que se realizan na Casa da Cultura; tramitación de axudas e subvencións da súa área, e traballo administrativo derivado dos trámites anteriores. Funcións que desempeñará a media xornada. 

O sistema selectivo para a cobertura desta praza de persoal funcionario será o concurso-oposición, e como no caso da praza de técnico/a deportivo/a convocada recentemente, o Concello busca deste xeito dar estabilidade a un posto que cada ano se convoca en función da liña de subvencións que promove a Deputación para a contratación. Achegas que, en todo caso, non serán incompatibles coa cobertura da praza, e que axudarán a financiala. 

Bases, na seguinte ligazón: https://cutt.ly/tmqwd94