Valdoviño recupera a súa Gala do Deporte

O Concello quere recoñecer o esforzo e trunfos dos deportistas locais en 2019, evitando así que a pandemia impida esta homenaxe prevista inicialmente para marzo de 2020

Valdoviño recoñecerá o traballo, esforzo, trunfos e méritos dos deportistas e das deportistas do municipio na súa Gala do Deporte. Celebrarase o 9 de xullo a partir das 20,30 horas no auditorio da Casa da Cultura, baixo un estricto protocolo de prevención fronte á covid-19. Así o avanzaba esta mañá o concelleiro de área, Sergio Saavedra, que lembraba ao mesmo tempo que a gala estaba prevista inicialmente para marzo do pasado ano. A declaración do estado de alarma pola crise sanitaria do coronavirus frustraba a súa celebración, que agora o Concello retoma cos mesmos protagonistas: aqueles e aquelas deportistas que destacaron en 2019, e cuxas candidaturas presentaron clubes e veciños e veciñas.

Haberá premios en cada unha das especialidades, tanto en categoría feminina como masculina, e a maiores catro mencións especiais: mellor promesa, mellor traxectoria deportiva, mellor adestrador/a e mención polo traballo, adicación  deportiva e humana ao longo de moitos anos no Concello.