Conclúen as obras de reforma integral do antigo palco da música de Loira, hoxe un auténtico local social para a parroquia

O inmoble experimentou unha transformación radical coa intervención realizada polo Concello, na que se investiu algo máis de 85.000 euros

O Concello de Valdoviño vén de concluír as obras de reforma integral do antigo palco da música de Loira. Unha ambiciosa intervención na que se investiron 85.718,12 euros con cargo ao POS Complementario 2019 da Deputación e que permitiu a transformación radical do inmoble. O obxectivo, segundo o alcalde, Alberto González, era convertilo nun auténtico local social para a parroquia, e a partir dagora así é. Así mesmo, a actuación realizada tamén permitiu conservar o uso orixinal do palco e hoxe en día a primeira planta ábrese ao exterior practicamente na súa totalidade grazas a un sistema de ventás corredoiras plegables, o que converte este espazo nun magnífico escenario con vistas ao encoro das Forcadas.

As obras no inmoble, de 1987, arrancaban no último trimestre do 2020 e completaban unha serie de actuacións previas na zona, como a instalación do primeiro parque infantil da parroquia ou a dotación de aseos accesibles para dar servizo ao palco.

Ata ese momento, o antigo palco da música non contaba coas condicións mínimas esixibles de illamento e os seus acabados estaban obsoletos. Así mesmo, o acceso á parte alta realizábase a través dunha escaleira estreita e con moita pendente, co conseguinte perigo para os seus usuarios. Un conxunto de circunstancias que o convertían nun inmoble pouco útil para desenvolver actividades dentro da comunidade. 

A intervención contemplou un drenaxe perimetral da contorna da edificación, instaláronse baixantes e canalóns de zinc, tamén as citadas ventás corredoiras plegables con rotura de ponte térmica na planta alta. Para acceder a esta, dotouse o local dunha escaleira metálica e abriuse unha porta de acceso no lateral máis próximo a esta. Así mesmo, revestiuse o chan cun pavimento de tarima flotante, e reaxustouse a instalación de electricidade e iluminación do inmoble ás novas necesidades e renovouse cada centímetro da fachada exterior.