Últimos días para anotarse en OcioSol, a programación deportiva de verán do Concello de Valdoviño

A oferta inclúe ximnasia, baloncesto, tenis, fútbol-sala, atletismo e multideporte na pista da Frouxeira e cursos na piscina municipal de Lago

O Concello de Valdoviño lembra que o prazo para anotarse nas diferentes actividades deportivas da programación de verán OcioSol remata o vindeiro 29 de xuño (incluído). A oferta inclúe ximnasia de mantenemento, baloncesto, tenis, fútbol-sala, atletismo e multideporte na pista deportiva da Frouxeira, así como natación (iniciación, intermedio, perfeccionamento e adultos) aquagym e nado libre na piscina municipal de Lago.

A inscrición pode formalizarse cubrindo os formularios, segundo o caso, no seguinte enderezo electrónico: https://forms.gle/dbDNetw1pWhpB5U36  e https://forms.gle/xLt5FCg14ysdmm3d6 ou chamando ao departamento municipal de Deportes ao 626 46 55 31 -no caso de non dispor de Internet ou dos coñecementos para acceder a esta vía-.

As cotas establecidas para participar nas actividades na pista da Frouxeira son de 7,37 euros/mes para menores de idade e de 8,86 euros/mes para maiores de idade, agás ximnasia de mantenemento, só para persoas adultas, e cunha cota de 12,54 euros/mes. No caso das accións en piscina, as tarifas oscilan entre os 7,37 e os 12,54 euros, tamén dependendo da actividade e idade (e a mínima para participar nos cursos é de 3 anos).