O Concello tramita a homologación do local social de Sequeiro como centro de formación
O alcalde, Alberto González, avanza que a antiga unitaria da Carreira acollerá a primeira acción formativa para o emprego xa no mes de maio
Valdoviño, 30 de abril de 2024. O Concello de Valdoviño vén de tramitar a inclusión do local social de Sequeiro no Rexistro de Centros e Entidades de Formación para o Emprego. Na práctica, a antiga unitaria da Carreira poderá acoller accións formativas enfocadas á inserción sociolaboral. En concreto, en 18 especialidades. Así o avanzaba o alcalde, Alberto González, nunha visita ás instalacións. Explicaba que Valdoviño amplía deste xeito o número de espazos adicados a este ámbito -ata o de agora limitados ao centro sociocomunitario-, e que a decisión adoptouse a raíz das conversas cos técnicos do Programa Integrado de Emprego da Mancomunidade.
Precisamente, acompañado na visita destes, Mónica Lamas e Pedro González, así como dos concelleiros de Servizos, Benito Vega, e Urbanismo, Sergio Saavedra, o rexedor adiantaba que no mes de maio o local social de Sequeiro acollerá a primeira acción formativa: o itinerario de Agricultura Ecolóxica do citado Programa Integrado de Emprego.
As especialidades solicitadas e aprobadas para as instalacións da antiga unitaria da Carreira son as seguintes:
-Limpeza industrial
-Limpeza e desinfección na industria alimentaria
-Limpeza de pintadas
-Atención ao cliente e calidade do servizo
-Condución de carretillas elevadoras
-Operacións básicas de caixa
-Decoración en tendas e escaparates
-Xestión básica de almacén
-Fertilización en agricultura ecolóxica
-Agricultura ecolóxica
-Defensa contra pragas e enfermidades en agricultura ecolóxica
-Explotacións agrarias na agricultura ecolóxica
-Semente de pebideiros
-Xestión de comunidades virtuais
-Manipulador de alimentos
-Alfabetización informática: informática e internet
-Entrevista de selección de persoal
-Ferramentas de Coaching