Xurxo Souto presenta este xoves en Valdoviño a súa última obra “Somos un pobo de artistas. O método Luísa Villalta”

O acto celebrarase no auditorio ás 19:30 h, con interpretación do ex vocalista da mítica banda de rock Os Diplomáticos de Monte Alto

Valdoviño, 20 de maio de 2024. O cantante e escritor Xurxo Souto visitará este xoves Valdoviño para presentar a súa última obra, “Somos un pobo de artistas. O método Luísa Villalta”. Será no auditorio da casa da cultura, a partir das 19:30 horas, con entrada libre ata completar aforo, e o acto contará cunha breve interpretación musical do ex vocalista da mítica banda de rock Os Diplomáticos de Monte Alto. Ademais, o autor compartirá previamente a súa obra cos integrantes do Foro Literario Galego que promove o Concello co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e guía o escritor e investigador Antón Cortizas. Un encontro que se celebrará unha hora antes na Biblio.

En “Somos un pobo de artistas. O método Luísa Villalta”, editado por Xerais, Xurxo Souto realiza unha viaxe pola música galega contemporánea analizando a súa estreita relación coa literatura. Toma como referencia a obra “O outro lado da música, a poesía”, libro-referente publicado por Luísa Villalta en 1999, onde puxo en valor a mutua atracción que senten entre si a música e a literatura. Unha relación sempre presente ao longo do tempo, e aínda así, a música sempre estivo ausente nas clases de literatura.