Valdoviño acolle a acción “formación especializada en alzhéimer e demencias”, dirixida a familias e coidadores de dependentes

Con participación gratuíta, celebrarase en 2 xornadas, os días 21 e 22 de maio de 11 a 13 horas no centro sociocomunitario

Valdoviño, 3 de maio de 2024. O Concello de Valdoviño abre inscricións no curso “Formación especializada en alzhéimer e demencias”, dirixido a familias e coidadores/as de persoas afectadas de deterioro cognitivo e dependentes en xeral. Celebrarase os días 21 e 22 de maio, de 11:00 a 13:00 h no centro sociocomunitario. Impartido por Afal Ferrolterra, a participación é gratuíta, con inscrición previa no departamento municipal de Servizos Sociais -981 48 70 41 extensión 5 ou correo servizos.sociais@concellodevaldovino.com-. Esta acción formativa é posible grazas ao acordo de colaboración asinado entre a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol e Afal, e o apoio do Concello de Valdoviño.

Na primeira das sesións, abordarase a sintomatoloxía e os sinais que poden anticipar un deterioro cognitivo; describirase como adoitan cursar as demencias centrándose principalmente nas distintas fases do alzhéimer e nas alteracións de comportamento, ademais de realizarse un repaso ás terapias non farmacolóxicas que poden retrasar a súa evolución.

Na segunda sesión, tratarase dun xeito moi práctico as mobilizacións e transferencias da persoa dependente, as mellores posturas para previr problemas circulatorios e cutáneos derivados do encamado/a e os materiais existentes para previr esa problemática. Tamén se abordarán as técnicas para mover, cambiar de lugar e sentar á persoa enferma de maneira que non haxa ningún tipo de lesión nin no/a enfermo/a nin no/a coidador/a.