Innovación e deseño danse a man na construción dunha carrilana que difundirá a cita local na Copa de Deportes de Inercia de Burgos

O CPI Atios acolleu unha charla sobre o proxecto Hiperbaric Challenge, no que participa o IES de Fene, coa que espertar o interese do alumnado por unha tradición tan arraigada en Valdoviño como as carrilanas

Valdoviño, 20 de maio de 2024. O alumnado de 3º e 4º da ESO do CPI Atios recibía a semana pasada unha clase maxistral sobre o deseño e fabricación de vehículos de inercia a cargo dos docentes do IES de Fene Daniel Bogo e Alberto Caaveiro. Eran recibidos pola directora do centro, Tania Ruanova, e xunto a eles, participaban tamén Diego Barcia, director da Asociación da Baixada de Carrilanas de San Mamede e vogal da Federación Española de Deportes de Inercia, e máis os concelleiros de Deportes, Sergio Saavedra, e Servizos, Benito Vega. A presenza dos profes do centro fenés non era casual. Por cuarto ano consecutivo participan no Hiperbaric Challenge, un programa educativo de referencia nacional dirixido a mozos e mozas dos últimos cursos da ESO, Bacharelato e ciclos formativos que busca espertar a súa curiosidade científica animándoos a deseñar e construír un prototipo de coche de inercia, que posteriormente testan nunha carreira incluída na Copa de Castela e León de Deportes de Inercia a desputar en Burgos. E este ano, o Concello de Valdoviño converterase nun dos patrocinadores do vehículo que presentará o IES de Fene, actuando este como embaixador da Baixada de Carrilanas a San Mamede, a proba máis antiga de todo o territorio nacional.

Así, o obxectivo da xornada celebrada no CPI Atios era achegar este deporte de inercia aos rapaces e rapazas do municipio e, como subliñaba Diego Barcia, lograr que as novas xeracións se enganchen a unha tradición tan arraigada na localidade como as carrilanas, favorecendo a súa continuidade. Daniel Bogo, profe no centro fenés, veciño de Valdoviño e ex estudante do Atios, foi un dos principais artífices da xornada de divulgación celebrada, que de seguro se converte nun punto de partida dunha relación de colaboración estable co Concello, a Asociación da Baixada e o CPI.

O DESAFÍO

Bogo, xunto a Alberto Caaveiro e Juan Carlos Romero, dirixen aos 10 alumnos e alumnas do ciclo Electromecánica de Vehículos que participan no Hiperbaric Challenge. Un proxecto no que levan investidas moitas horas, lectivas e non lectivas, e que medra ao redor do compromiso e implicación de mestres e alumnado. A construción do vehículo arrinca co curso escolar, e realízase en base ás especificacións técnicas que remite a organización, aínda que eles van incorporando melloras edición tras edición. Ademais, este proxecto permítelles traballar non só as habilidades propias do ciclo, senón e sobre todo, valores como o traballo en equipo, a autonomía, a resolución de conflitos ou capacidade de innovación. E xunto ás actividades no taller, realizan tamén un proxecto de carácter social ou ambiental, preciso para participar no desafío. Este ano, deseñaron un composteiro que facilitará a separación dos diferentes residuos orgánicos para segmentar aínda máis o proceso de compostaxe, logrando abonos naturais máis específicos na composición. Un proxecto que desenvolven en colaboración con Aspaneps.

A xornada celebrada no CPI Atios cumpriu as expectativas, e moitos mozos e mozas amosaron o seu interese pola carrilana construída en Fene, que pilotará a alumna Raquel Pena, tamén presente a semana pasada en Valdoviño.