Valdoviño iniciará xullo con socorristas só na Frouxeira e Pantín ante a falla de persoal

A situación repítese dende a entrada en vigor da última normativa aprobada pola Xunta de Galicia

Valdoviño, 30 de xuño do 2023. O servizo de salvamento arrancará mañá sábado, 1 de xullo, con tan só 9 socorristas nas praias. Segundo explicou o alcalde, Alberto González, un ano máis o Concello de Valdoviño non poderá contar con socorristas en todas as praias, xa que foi imposible cubrir as 33 prazas que cada verán se veñen ofertando. Un problema de contratación que se repite dende a entrada en vigor da última normativa aprobada pola Xunta de Galicia, que endureceu as esixencias para acceder aos postos. Dende entón, os concellos solicitaron a modificación da norma, e a pesares de que a Xunta finalmente accedeu a incorporar cambios, non foi co tempo suficiente para mudar a situación nesta campaña estival.

Así, Valdoviño asinaba 9 contratos e o alcalde avanzaba que continuará tentando sumar incorporacións a través do INEM -valorando as candidaturas remitidas polas oficinas, a día de hoxe inexistentes-, manterá aberta a bolsa de emprego e explora a contratación a través de empresas. Tentará, así mesmo, lanzar novas convocatorias -en 2022 foron 3, sen que se acadara o obxectivo marcado pola falla de candidatos/as aos postos-.

Nesta situación, o Concello iniciará o servizo con socorristas nas praias da Frouxeira e Pantín, e solicita aos usuarios e usuarias dos areais extremar as precaucións dado o contexto.