Sonia Sueiro e Gena Hernández inauguran este martes en Valdoviño a expo A4MANS

O acto terá lugar na Casa da Cultura, ás 21:00 horas

Valdoviño, 3 de xullo do 2023. Sonia Sueiro e Gena Hernández inauguran este martes en Valdoviño a exposición “A4MANS”. O acto, aberto á veciñanza, terá lugar na Casa da Cultura ás 21:00 horas. Despois de tres exposicións en común, nas que teñen presentado cadros individuais, únense neste proxecto, no que presentan 31 obras en técnica mixta sobre lenzo e madeira. Nelas, aproveitando a similitude de estilo, parten de cadros individuais e fan neles achegas recíprocas, acadando en cada un novos resultados, produto da técnica e a improvisación. 

A mostra, coa que se inaugura o programa municipal cultural do mes de xullo, é a primeira do proxecto “A4MANS”, e a partir do martes, poderá visitarse ata o 26 de xullo (de luns a venres de 11:00 a 14:00 horas; sábados de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas, e domingos de 10:00 a 14:00 horas). 

SOBRE AS AUTORAS 

Sonia Sueiro é licenciada en Belas Artes, e comparte a ensinanza en institutos de Educación Secundaria coa realización de cadros en diversas técnicas, acuarela, mixta e acrílico principalmente. Ten participado en varias exposicións, tanto colectivas coma individuais. Ademais de pintura abstracta, adoita facer retratos e, tamén, é autora do “banco dos bicos”, un dos proxectos de “As Pontes en pezas” que realiza xunto aos rapaces e rapazas de Aspanaes, nas Pontes. 

Gena Hernández aprende técnicas de pintura no obradoiro da licenciada en Belas Artes Carmen Bellas, nas Pontes, ao que asiste durante tres anos, combinando as ensinanzas que recibe co autoestudo. Maiormente realiza pintura abstracta, con técnica mixta ou acrílico principalmente. Ten participado en varias exposicións colectivas e individuais.