O Concello de Valdoviño realizará probas de carga para comprobar a resistencia dos piñeiros da contorna da Frouxeira

As primeiras comprobacións a cargo dos técnicos sinalan que a caída da árbore puido vir motivada por un debilitamento das raíces

Valdoviño, 3 de xullo do 2023. O Concello de Valdoviño levará a cabo unha proba de carga para comprobar a resistencia de todos e cada un dos piñeiros situados na contorna da praia da Frouxeira. As tarefas realizaranse durante a xornada de hoxe, polo que nestes momentos estase a precintar a zona de estacionamento contigua, que quedará restrinxida ata concluír as operacións. O alcalde, Alberto González, xunto a concelleiro de Servizos, Benito Vega, tomaba a decisión despois de realizar co arquitecto municipal e o enxeñeiro agrícola Esteban García Alonso unha primeira comprobación sobre o terreo da árbore caída o pasado sábado, un piñeiro duns 8 metros de altura e 40 centímetros de diámetro plantado por Costas a primeiros da década dos 90. 

Ese primeiro exame efectuado polos técnicos dictamina que en apariencia exterior o piñeiro non estaba afectado de ningunha enfermidade, e que probablemente a súa caída vén motivada polo estado da raíz, moi debilitada. Un estado que se debe, casi con total seguridade, ao efecto dos temporais ao longo das últimas décadas.

En función dos resultados das probas de carga, o Concello de Valdoviño adoptará as decisións oportunas.