Valdoviño e Ferrol abordan a colaboración conxunta no mantemento das infraestruturas dependentes do encoro das Forcadas
Os alcaldes, Angel Mato e Alberto González, realizaron un percorrido polas propiedades de Ferrol situadas en Valdoviño e ligadas ao embalse
Os alcaldes de Ferrol, Angel Mato, e de Valdoviño, Alberto González, avanzaron a súa intención de iniciar unha nova etapa de cooperación en relación ao encoro das Forcadas. Unhas instalacións situadas no termo municipal de Valdoviño que pertencen a Ferrol dende os anos 60, data de construción do embalse. A esta infraestrutura está ligada unha rede viaria que lle dá servizo, así como outros equipamentos como conducións e edificacións de control. Ademais, as propiedades de Ferrol en Valdoviño van máis aló, e inclúen inmobles como a antiga igrexa de Loira.
Todas e cada unha delas formaron parte do percorrido realizado onte á tarde polos rexidores, acompañados do xerente de Emafesa, Alejandro Pisa; dos concelleiros de Urbanismo, Obras e Servizos de Valdoviño, Sergio Saavedra, Benito Vega e Germán Gómez respectivamente, e doutros técnicos da empresa municipal de augas de Ferrol.
Durante o itinerario, Alberto González e Ángel Mato coincidiron na necesidade de abordar fórmulas de colaboración para o mantemento e sinalización dos viais dependentes do encoro, poñendo fin a anos de ausencia de tarefas de conservación que teñen derivado nun grave deterioro denunciado polos veciños e veciñas da zona. Unha colaboración que podería materializarse a través da cesión dos viais a Valdoviño, tal e como se estudará. Así mesmo, os dous alcaldes tamén abordaron cooperar nas tarefas de limpeza e mantemento das conducións de subministro da auga dende o encoro que discorren por Valdoviño en dirección á cidade naval, hoxe invadidas pola maleza e a vexetación. Ao igual que na situación anterior, ao tratarse dunha propiedade de Ferrol, Valdoviño non ten competencias para asumir os traballos, polo que é preciso articular un mecanismo de colaboración para darlle resposta.
Ademais, Alberto González tamén puxo sobre a mesa a precaria situación da vella igrexa de Loira, propiedade de Ferrol tralas expropiacións realizadas hai 60 anos e que obrigaron daquela a levantar un novo templo na parroquia. O antigo sufre hoxe o paso do tempo e a falta de mantemento, polo que o alcalde valdoviñés plantea como primeiro paso unha intervención de urxencia para salvagardar o edificio e apuntalar os cimentos. Agora, os dous concellos analizarán a fórmula para poder executala.
Na mesma liña, os dous alcaldes acordaron tratar nunha nova xuntanza, e xa dende un punto de vista técnico, a construción dunha minicentral eléctrica na contorna, dando así luz verde ao proxecto de Valdoviño. Un proxecto que conta coa autorización de Augas de Galicia e que depende agora de Ferrol.
Por último, Alberto González e Ángel Mato abordaron a situación catastral e o réxime impositivo ao que está sometido o encoro e a propia captación de auga de Valdoviño, e que continuará tamén na axenda de futuras reunións.