Valdoviño celebrará a súa X Milla Urbana o 1 de outubro no paseo da Frouxeira

O concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, avanza a apertura de inscricións, gratuítas, a través da plataforma web www.galitiming.com

Valdoviño, 12 de setembro do 2023. O Concello de Valdoviño celebrará o domingo 1 de outubro a súa Milla urbana, que alcanzará a súa décima edición. A proba deportiva, dirixida a afeccionados ao atletismo de todas as idades- dende nenos ata maiores- volverá ter como escenario de excepción a contorna da praia da Frouxeira.

O edil de Deportes, Sergio Saavedra, avanzaba a apertura do prazo de inscrición a través da plataforma web www.galitiming.com, ata as 23:59 horas do 25 de setembro. A participación é de balde, sen cuotas.

O percorrido da X Milla urbana Concello de Valdoviño discorrerá ao longo do paseo da lagoa da Frouxeira, nun circuito de ida e volta de iguais dimensións sobre o que se irán cubrindo as distancias fixadas para cada categoría, que van dende os 100 metros dos máis pequenos e pequenas ata os 1.609 metros.

Detállase dente o departamento municipal que, segundo a idade, fíxanse as seguintes categorías: biberón (nados/as no ano 2016 e posteriores); benxamín (2014-2015); alevín (2012-2013); infantil (2010-2011); cadete (2008-2009); xuvenil (2006-2007); júnior (2004-2005); promesa (2001-2003); sénior (1989-2000); veterano 1 (1983-1988); veterano 2 (1974-1982); veterano 3 (1963-1973); veterano 4 (1962 e anteriores).

A entrega de dorsais farase o día 1, a partir das 10  h e ata media hora antes do inicio de cada proba, á altura da caseta de socorrismo. Lugar dende onde está previsto que se produza ademais a saída escalonada dos corredores e corredoras, comezando ás 11:10 horas polas benxaminas. Na categoría biberón, haberá medalla conmemorativa para todos os/as participantes, e no resto optarán a medalla os primeiros clasificados (en masculina e feminina).

A Milla urbana está organizada polo Concello, co apoio da Deputación da Coruña, e contará coa colaboración de Protección Civil e Policía Local de Valdoviño.