O Concello reitera a súa petición de reducir a poligonal do parque Badulaque aos dous aeroxeneradores previstos

A Administración local insiste oponse a marter a superficie afectada tras a supresión de oito dos dez aeroxeneradores do proxecto, e insiste na necesidade de eliminar as dúas infraestruturas que  se manteñen

Valdoviño, 12 de setembro do 2023. O Concello de Valdoviño vén de presentar un novo escrito ante ENEL Green Power España, promotora do parque eólico Badulaque, no que reitera a súa petición de reducir no proxecto a delimitación da área xeográfica afectada polo parque. O Concello ve máis que xustificada a petición trala supresión do proxecto de 8 dos 10 aeroxeneradores previstos inicialmente. Así, solicita agora que o proxecto adapte a poligonal aos 2 que aínda contempla a empresa no termo municipal de Valdoviño, limitándoa a estas 2 infraestruturas. En todo caso, reitera a súa demanda de eliminar definitivamente eses 2 aeroxeneradores que aínda se manteñen no proxecto.

Do mesmo xeito, pide que o proxecto teña en conta o recoñecemento, por parte da UNESCO, do Xeoparque Cabo Ortegal como Global Geopark, xa que a declaración foi posterior á tramitación da Declaración de Impacto Ambiental. Neste sentido, o Concello considera que se debería avaliar e axustar o proxecto modificado do parque eólico para minimizar a súa incidencia sobre os bens que foron determinantes para a declaración, como o caso do camiño a Santo André de Teixido.

Así, e tras recibir contestación de Enel Green Power España ás alegacións presentadas polo Concello, este mantén razoadamente as súas peticións e presenta reparo ao proxecto ante a Área de Industria e Enerxía da Delegación do Goberno en Galicia.