Valdoviño celebra este domingo o Día da Bicicleta

Aberta a inscrición na cita, que unha edición máis contará cun percorrido pola contorna do encoro das Forcadas

 Valdoviño, 3 de outubro de 2023. Valdoviño celebrará este domingo 8 de outubro o Día da Bicicleta. A contorna do encoro das Forcadas volverá a converterse no escenario principal desta nova edición, que organizan o Concello, Radio Voz e La Voz de Galicia co patrocinio da Cooperativa de Vilaboa, Cándido Hermida, Proymel, GoodLife e Eroski. Unha cita coa que a Administración local continúa co seu obxectivo de promover hábitos de vida saudables a través do deporte en plena natureza, e unha invitación a veciños/as e visitantes para desfrutar dun patrimonio natural privilexiado. 

Así, o Día da Bicicleta propón un percorrido de 11 quilómetros, e dificultade baixa, pensado para a participación de nenos/as e maiores, polo contorno do «mar interior» do municipio. O punto de concentración será o campo de fútbol Juan Sabín-O Lameiro, onde se situará saída e meta, e se facilitarán as inscricións dende as 10:00 h e ata as 10:45 h. Un trámite que pode realizarse tamén dende xa, no rexistro xeral da casa consistorial de Valdoviño -ata o venres de 9:00 a 14:00 h- ou na delegación de La Voz de Galicia en Ferrol -na rúa Manuel de Cal, 4 entrechán-. A saída está prevista sobre ás 11:30 horas, e é obrigatorio o uso do casco. 

Ao remate do itinerario, haberá sorteo de agasallos, cedidos por establecementos e firmas comerciais da localidade como Librería Xeila, Electrodomésticos Nito, Talleres Mecánicos PF Ladeira, Paintball A Lagoa, Cabaliño do Lago e Proymel. 

Na cita, colaboran tamén a Agrupación Local de Voluntarios de Protección Civil e a Policía Local de Valdoviño.