Máis de 200 veciños e veciñas de todas as idades inician a próxima semana as actividades deportivas municipais

O Concello de Valdoviño manterá aberta a inscrición agás en ioga, onde as diferentes clases contan coas prazas ofertadas completas

 Valdoviño, 29 de setembro do 2023. Un total de 215 veciños e veciñas iniciarán a próxima semana as diferentes actividades deportivas propostas polo Concello a través dos programas «Valdoviño Saudable» e «Actividades Extraescolares». Coa excepción de ioga, onde se cubriron todas as prazas ofertadas, a Concellería de Deportes manterá aberta a inscrición para as diferentes propostas, xa que en maior ou menor medida, quedan prazas libres. 

A matrícula é similar respecto ao pasado ano, e ioga volve a converterse, con 45 participantes, na actividade máis demandada. Ximnasia en Meirás e Valdoviño, con 30 e 23 alumnos/as, séguenlle neste ránking. As clases en Vilarrube teñen 13 inscritos, namentras que en Pantín finalmente se porá en marcha por primeira vez ao reunir ese mínimo requerido, e a día de hoxe, son 12 as persoas anotadas. Tiro con arco, con 8 alumnos/as, e tenis con 11, completan a programación de «Valdoviño Saudable». 

En canto ás «Actividades Extraescolares Deportivas», que o Concello asumía a petición da ANPA hai uns anos, karate volve rexistrar, con 15 alumnos/as en 2 grupos, a maior participación. Séguenlle ximnasia rítmica, patinaxe en liña e patinaxe artística con 12; multideporte con 8; e duatlón e baloncesto con 7. 

As inscricións poden formalizarse na casa consistorial ou a través da sede electrónica.