Valdoviño celebra a súa III Gala do Deporte
Terá lugar venres 16 de decembro a partir das 20 horas na Casa da Cultura
Valdoviño, 9 de decembro do 2022. O auditorio da Casa da Cultura acollerá o venres 16 de decembro a terceira edición da Gala do Deporte de Valdoviño, organizada pola Concellería de Deportes que dirixe Sergio Saavedra. Un acto de entrega de galardóns co que o Concello, segundo explicou o alcalde, Alberto González, quere recoñecer e pór en valor os méritos dos deportistas locais ao longo do pasado exercicio, pero tamén o labor de entidades, clubes e veciños a prol da promoción do deporte no Concello. O acto dará comezo ás 20 horas, presidido polo rexidor e conducido polo xornalista Raúl Salgado.
Nesta liña, Alberto González quixo tamén agradecer a colaboración dos xornalistas deportivos da comarca, que participaron xunto a técnicos municipais no xurado que valorou as candidaturas. E, en concreto, aludiu a Juan Quijano (Diario de Ferrol), Adán Puentes (Galicia Ártabra Digital) e ao propio Raúl Salgado (Cadena Ser e Ferrol360). Así mesmo, avanzou que os galardóns recoñecerán a deportistas das seguintes especialidades: atletismo, baile deportivo, balonmán, bodyboard, caza, fútbol, fútbol sala, judo, kaiak polo, kickboxing, natación, patinaxe artístico, pesca deportiva, piragüismo, surf, tenis de mesa e triatlón. Tamén haberá mencións especiais no eido da arbitraxe, traxectoria deportiva, mellor equipo, mellor promesa, esforzo e exemplo no deporte, dedicación ao deporte, e logros deportivos, e ao remate da gala, darase a coñecer ao/a mellor deportista local do 2021.