O Concello de Valdoviño inicia o reparto porta a porta dos composteiros nos fogares adheridos á campaña municipal
O alcalde, Alberto González, valora moi positivamente a acollida da iniciativa, xa que en apenas uns días máis dun centenar de veciños e veciñas solicitaban a súa participación no programa do Concello
Valdoviño, 9 de decembro do 2022. O Concello de Valdoviño iniciaba hoxe o reparto dos composteiros e outros recursos para a elaboración de compost entre os veciños e veciñas que solicitaron a súa adhesión ao programa. Un proceso que, segundo explicaba o alcalde, Alberto González, farase porta a porta. Entregarase así o composteiro con capacidade para 400 litros, un aireador, unha reixa antiroedores para situar na base e máis un manual de compostaxe. O rexidor, que visitaba xunto ao concelleiro de Servizos, Benito Vega, un dos primeiros fogares en recibir os medios, valoraba moi positivamente a acollida do programa entre a veciñanza. Así, en apenas uns días, o Concello recibía máis dun centenar de solicitudes para sumarse ao proxecto.
No seu conxunto, e antes de rematar o ano, serán uns 70 os fogares adheridos, iniciando así a transformación dos restos orgánicos que produzan nas súas vivendas en compost que máis tarde poderán aproveitar como fertilizante para xardíns, hortas e campos de cultivo. Unha práctica que aposta pola reciclaxe, respectuosa co medio, e que tamén permitirá reducir substancialmente a cantidade de residuos que van parar ao colector verde.
O programa non queda aquí, xa que nos vindeiros meses, o Concello realizará un seguemento porta a porta do proceso, de modo que os veciños e veciñas participantes poidan contar cun asesoramento persoalizado e tamén resolver posibles dúbidas.
Así mesmo, o alcalde xa avanzou que o Concello continuará en 2023 cunha nova fase do programa, co obxectivo mínimo de alcanzar os 140 fogares adheridos.
O Concello de Valdoviño leva a cabo a iniciativa co apoio económico da Consellería de Medio Ambiente a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado cos fondos europeos Next Generation.