Valdoviño acollerá este martes a Copa Galicia de Baloncesto en cadeira de rodas

Abeconsa Basketmi e Iberconsa Amfiv disputarán o trofeo no pavillón do Longoiro, en Meirás, a partir das 12:00 horas con entrada libre

Valdoviño, 1 de decembro do 2022. Abeconsa Bastketmi e Iberconsa Amfiv de Vigo disputarán en Valdoviño a Copa Galicia de Baloncesto en cadeiras de rodas. A cita deportiva terá lugar o vindeiro martes 6 de decembro, Día da Constitución, e o alcalde, Alberto González, xunto ao presidente do club ferrolán, Álvaro Illobre, presentaban a copa no lugar elixido para a súa celebración, o pavillón municipal do Longoiro, en Meirás. Xunto a eles, o concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, e o capitán do Basketmi, o valdoviñés Miguel Romero, un dos principais impulsores da elección do noso concello como sede da copa. Tralo seu paso por diferentes cidades e vilas galegas, non quería retirarse sen ter disputado este histórico trofeo na súa terra, admitía con humor na presentación, aínda que lle quedan moitos anos por diante na competición.

O partido arrancará ás 12:00 horas con entrada libre e de balde, polo que o alcalde anima a todos os afeccionados e afeccionadas a este deporte a achegarse ata o pavillón e desfrutar do mellor baloncesto. Un dos mellores plans para a xornada festiva, engadía. 

Organizado pola Federación Galega de Baloncesto coa colaboración do Concello de Valdoviño, será un partido de máxima rivalidade e igualdade entre dous equipos da división de honra. Dúas formacións irmáns que, no seu día, incluso estiveron vencellados na competición, e que o vindeiro martes ofrecerán o mellor baloncesto en Valdoviño.