O Concello de Valdoviño aproba bonificacións do IBI para as familias numerosas
As familias empadroadas no municipio que desexen acollerse á medida deberán presentar a súa solicitude no rexistro xeral municipal
Valdoviño, 30 de novembro do 2022. As familias numerosas de Valdoviño poden solicitar unha bonificación do 30% da cota do Imposto de Bens Inmobles (IBI), e de ata o 50% no caso daquelas que ostenten a categoría especial -5 ou máis fillos/as-. Así o avanzou o alcalde, Alberto González, para informar da entrada en vigor da modificación da ordenanza reguladora aprobada polo Concello. Unha medida coa que fomentar o asentamento de poboación no municipio e atender unha das peticións planteadas nas xuntanzas con AGAFAM -Asociación Galega de Familias Numerosas-.
Así, para acceder ás bonificacións o inmoble para o que se solicita debe ser vivenda habitual de toda a familia numerosa -aquela onde se atopen empadroados todos os seus integrantes-. Ademais, as persoas interesadas deberán solicitalo por rexistro con anterioridade á data do devengo do imposto, en caso contrario a concesión terá efectos dende o período impositivo seguinte ao da solicitude. Será preciso achegar a seguinte documentación: solicitude de concesión desta bonificación; DNI da persoa solicitante; título de familia numerosa vixente a 1 de xaneiro do exercicio en que deba xurdir efectos a bonificación, e certificado colectivo de empadroamento no Concello de Valdoviño.
Nesta liña, o alcalde avanzou tamén a intención de estudar novas bonificacións en impostos e tasas para continuar apoiando ás familias numerosas.